martes, 27 de octubre de 2009

A Carta dos dereitos do neno no deporte

Elaborada por adestradores e especialistas na práctica deportiva durante a infancia. Son unhas orientacións para as persoas que traballan con nenos entre 6 e 13 anos e o seu propósito é sinalar os riscos fisiolóxicos e psicolóxicos propios da práctica deportiva organizada na infancia. Son 11 apartados que podes ler a continuación.

1. Dereito de practicar o deporte sen ningunha diferencia (sexo, aptitude, características físicas)
Todos os nenos deberían poder practicar o deporte en calquera asociación deportiva. Ningún club debe pechar as súas portas a un neno/a que queira practicar deportes, independentemente do seu talento, sexo ou de que posúa un físico idóneo. Corresponde ao club e ao adestrador ofrecer un nivel de actividades á medida das posibilidades do rapaz/a. Exemplo positivo: os grupos de non competición. Exemplo negativo: os nenos obrigados a quedarse sentados nos deportes colectivos.

2. Dereito a facer deporte por pracer e a xogar coma un neno
Os nenos de 7 ou 8 anos teñen unha forma diferente de percibir o xogo e a diversión que os de 12 ou 13 anos. Os máis pequenos buscan ante todo o descubrimento: queren cambiar de actividade, inventar regras, etc. Os preadolescentes, en cambio, sinten curiosidade por aprender e esixen competencia por parte do adestrador: queren que sexa capaz de ensinarlles as técnicas eficaces. Para os primeiros o adestramento se organiza de xeito lúdico, variado e espontáneo. Tamén para os segundos é importante o aspecto lúdico do adestramento, que sen embargo debe estar máis centrado na aprendizaxe da habilidade deportiva.

3. Dereito a disfrutar dun ambiente san
Refírese, non soamente ao ambiente físico senón ao contorno humán. Non é suficiente practicar deporte para defenderse da tentación da droga (o problema do "doping" proba o contrario). Tócalle ao adulto educar ao neno/a no sentido do benestar físico e psicolóxico facilitado pola práctica do deporte e introducir, canto antes, nocións como o "fair play" (xogo limpo, expresión empregada para denominar o comportamento leal no deporte). Exemplo positivo: destacar xestos altruístas e lealdade. Exemplo negativo: conducta desfavorable do adestrador ou do pai/nai contra o árbitro.

4. Dereito a ser tratado con dignidade
Moi a miúdo ocorre que na práctica diaria dos deportes volven aparecer elementos negativos como os da escola "ríxida" ou que o adestrador empregue unha linguaxe que non respecta as regras da boa educación. Estas son posturas que non axudan á función educativa que ten o deporte. Neste caso, o deporte é fonte de frustración, desilusión e escola de "falta de respecto cos outros".

5. Dereito a ser adestrado e acompañado por persoas competentes
O adestrador debe posuír coñecementos psicolóxicos, pedagóxicos e técnicos de calidade para poder adaptarse á realidade do neno/a. É obriga dos técnicos proporcionar fundamentos didácticos, dándolles un contido e suxerindo métodos axeitados. A miúdo a adestradores pouco competentes se lles confía deportistas moi novos e cometen faltas que inflúen no futuro deportivo do neno/a. Algúns adestradores usan teorías de adestramento e competición axeitados para adultos, pero inapropiados para os nenos/as. Por esta causa grande cantidade de mozos/as despois dos 15 anos deixa o deporte de competición e se alonxan totalmente da práctica do deporte.

6. Dereito a participar en adestramentos e competicións adaptados as súas capacidades
Cada persoa ten un ritmo de adquisición de coñecementos e isto débese respectar para fomentar as aptitudes e evitar erros de adestramento. Hai que respectar as etapas de desenvolvemento individual. O coñecemento dos estadios do desenvolvemento, o fomento do carácter multidisciplinario do deporte e a organización de competicións por modalidades diferentes segundo a idade son fundamentais.

7. Dereito a competir con nenos/as que teñen as mesmas posibilidades de éxito
No é posible facer competencias entre nenos/as con diferencias físicas ou con niveis de preparación moi diferentes. Con frecuencia os nenos/as vense na situación de ter que competir con adversarios claramente superiores ou netamente inferiores. No deporte, as experiencias de victoria e de derrota son boas ocasións para desenvolver a autoestima e o respecto polo outro. Pola contra o sentimento de impotencia vencellado á experiencia de perder unha e outra vez, ou o sentimento de omnipotencia de gañar sistemáticamente son escasamente educativos.

8. Dereito a participar en competicións axeitadas
O espíritu de competición está presente no desenvolvemento do neno dende os 3 anos; está moi presente aos 7 ou 8 anos, cando o neno descobre a pertenza a un grupo, a colaboración e a cooperación, e finalmente se asimila correctamente aos 12 ou 13 anos, cando o neno/a é capaz de distinguilo das experiencias de humillación.
Non se trata de estar a favor ou en contra da competición, senón de organizala axeitadamente. A tendencia na organización das competicións para nenos é adultomórfica (campionatos longos, torneos por eliminación directa, longas distancias a percorrer, títulos de campións, etc.) Nembargantes hai algúns exemplos positivos de adaptación do deporte á idade: minibásquetbol, minivoleibol, fútbol de 7, torneos dun día que se adaptan mellor aos máis pequenos que os campionatos de varios meses.

9. Dereito a facer deporte con toda seguridade e sen dopaxe
Hai que adaptar as infraestructuras, os campos de xogo e a duración das prácticas á realidade física e psíquica dos nenos/as. Aumenta así a sensación de seguridade do neno, que deste xeito pode dominar o espazo.

10. Dereito a ter intres para o lecer
No adestramento intensivo precoz (máis de 10 horas semanais para deportistas de 7 a 14 anos), úsanse as vacacións para continuar os adestramentos, de xeito que non se lles permite un tempo de lecer. Tamén despois do adestramento diario, algúns pais esixen que continúe a súa preparación na casa, co erróneo fin de acelerar o seu desenvolvemento deportivo. O descanso é importante para os nenos/as que estudian e indispensable para os que combinan estudos con deporte. Ademáis os nenos/as rara vez din estar cansos, polo que corresponde ao adulto facelos descansar.

11. Dereito a non ser un campión pero tamén de chegar a selo
Se así o desexa e ten talento, a partir dos 15 ou 16 anos o mozo/a deportista poderá intensificar a práctica deportiva ou pola contra seguir practicando deporte polo pracer que lle reporta e pola satisfacción de estar cos demáis. Nos dous casos, conservará un bo recordo do deporte que practicou cando era neno/a.

No hay comentarios: