viernes, 30 de octubre de 2009

A Xunta crea unha Comisión do Atletismo Galego



A Comisión do Atletismo Galego nace por iniciativa da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Atletismo, coa finalidade de facer un estudo detallado das necesidades que este deporte ten na nosa comunidade.

Está integrada por 18 membros que representan a todos os estamentos do atletismo en Galicia. Forman parte dela os membros da Comisión Delegada da FGA, os atletas galegos que participaron nos Xogos Olímpicos de Pequín, David Gómez e Santiago Pérez, e os adestradores Mariano García Verdugo, Santiago Ferrer e Afonso Ortega, que é o responsable nacional de fondo. Está presidida polo Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa.

Á vez que a Comisión comeza os seus traballos, José Ramón Lete encargou aos técnicos da Secretaría Xeral para o Deporte, que inicien unha serie de visitas polas diferentes instalacións atléticas de Galicia coa intención de elaborar un informe de cada unha delas.

A primeira reunión da Comisión celebrouse o 28 de outubro na sede da Secretaría Xeral para o Deporte. Os asistentes coincidiron na necesidade de completar a rede de módulos cubertos que existe actualmente en Galicia. Tras a reunión a Federación Galega de Atletismo elaborará un informe que trasladará a José Ramón Lete Lasa, quen reiterou a súa intención de poder levar a cabo as propostas da Comisión.

Sen dúbida unha estupenda noticia para todos os atletas e afeccionados deste deporte. Máis información neste enlace da Xunta de Galicia ou na páxina da Federación Galega de Atletismo.

No hay comentarios: