jueves, 29 de abril de 2010

Clasificacións da carreira de Fisterra

Leo vence en Fisterra na categoría benxamín. Correu 990 m. nun tempo de 3'37''. Parabéns á súa familia e a Leo que, carreira tras carreira, demostra ser un loitador e un campión. O Correo Galego fíxose eco da nova e publicou os nomes dos premiados nas categorías escolares.

Iago Fuentes tamén participou en Fisterra na categoría alevín. Fixo un percorrido de 5 km en 26'48'' acadando o posto 11 da súa categoría e o posto 38 da xeral (dun total de 119 atletas alevíns, infantís e cadetes). Parabéns a Iago polo seu esforzo e á súa familia. Está claro que temos unha canteira de campións.

Descoñecemos se participou algún outro atleta de MillaRaio xa que, nesta ocasión, cada socio debía apuntarse por si mesmo. Se así foi, podedes enviar os vosos comentarios ao blog.

Máis información

martes, 27 de abril de 2010

Inscrición aberta para a Carreira da Muller en Santiago


A Carreira da Muller celébrase por primeira vez en Santiago o 23 de maio cun percorrido de 6 km. que irá desde o Monte de Gozo ata a Praza do Obradoiro.

É o evento deportivo feminino máis importante de Europa cunha participación de máis de 48.000 mulleres en 2009 e co obxectivo de chegar ás 59.000 este ano. Unha parte dos cartos recadados na carreira son doados á AECC para a loita contra o cancro de mama. Inscribíndote cun "dorsal cero" doas o importe íntegro da túa inscrición. 

Inscricións do 26 de abril ao 19 de maio neste enlace ou na planta de deportes do Corte Inglés de Santiago, A Coruña e Vigo ata agotar os 2.000 dorsais dispoñibles. A recollida de dorsais o 21 de maio de 12 a 14 e o 22 de maio de 10 a 14 e de 16 a 20 h. O prezo de inscrición son 5,60 euros.

A inscrición pode ser individual ou por equipo. Os tipos de equipo poden ser: dúas ou tres irmás, nai e filla, avoa-nai-neta, sogra e nora, dúas cuñadas, tía e sobriña, nai e dúas fillas, parella de feito, compañeiras de empresa (3 mulleres), ximnasio ou club de atletismo (3 mulleres), asociación de mulleres (3 mulleres)... A lista é tan ampla que ata podemos anotarnos como mamás de atletas de MillaRaio.

¡Ánimo mamás de MillaRaio! Está permitido correr ou camiñar a paso lixeiro. Se o fixemos por Haití ¿por qué non para colaborar na loita contra o cancro?

Máis información

domingo, 25 de abril de 2010

1 de maio carreira en Sanxenxo

A XXIV Volta Pedestre a Aios, Sanxenxo celebrarase o vindeiro sábado 1 de maio, a partir das 10:30 h. A saída e chegada será no lugar de A Capela, Aios (diante da entrada ao recinto das festas).

As categorías, horarios e percorrido:
Pitufos/ 2006 e posteriores/ 10:30 h/ 150 m
Prebenxamíns/ 2005-04/ 10:30 h/ 150 m
Benxamíns/ 2003-02-01/ 10:45 h/ 1.500 m
Alevíns/ 2000-1999/ 10:45 h/ 1.500 m
Infantís/ 1998-97/ 11:15 h/ 3.250 m
Cadetes/ 1996-95/ 11:15 h/ 3.250 m

O prazo de inscrición remata o xoves, 29 de abril, ás 12:00 h. Inscricións na web www.championchipnorte.com. Os escolares sen DNI e as categorías pitufos e prebenxamíns deberán inscribirse na dirección de correo osraposos@yahoo.es ou no teléfono 626 449 312 en horario de 10.00 a 20.00. Deberán figurar os seguintes datos: nome e apelidos, data de nacemento, sexo, teléfono de contacto, correo electónico de contacto (se o ten), localidade e provincia.

A inscrición é gratuíta para os pitufos e prebenxamíns. O resto terán que pagar 3€ no momento de retirar o seu dorsal e chip, o día da proba de 9:00 h a 10:00 h. Calqueira dúbida relacionada coa inscrición deberedes dirixirvos ó teléfono: 982 81 68 84. Calqueira dúbida relacionada coa organización da proba: 626 449 312.

Trofeos ós 1º e 2º clasificados de cada categoría por idade e sexo.
Medalla ós 3º clasificados de cada categoría por idade e por sexo.
Agasallos según dispoñibilidade e ata fin de existencias.

sábado, 24 de abril de 2010

Clasificacións do cross de San Miguel de Oia

Benxamín masculino (990 m)
1. Leonardo Guazzone Mariño (tempo: 3,54)

Alevín feminino (1.518 m)
6. Alba López Portabales (tempo: 7,04)

Prebenxamín masculino (675 m)
5. Sunny Seijas Portas

Parabéns a Leo, Alba e Sunny polos bos resultados e o seu esforzo.
Máis información

viernes, 23 de abril de 2010

Manual básico del técnico deportivo de un club


Hoxe, día do libro, aproveitamos para falar da publicación Manual básico del técnico deportivo de un club: todo lo que necesitas saber en tu labor de técnico deportivo. Publicado por Sportis Formación Deportiva con motivo do "III Congreso Internacional de Ciencias del Deporte y Educación Física -VI Seminario Nacional de Nutrición, Medicina y Rendimiento Deportivo" que se celebrará en Pontevedra, os días 6, 7 e 8 de maio. O libro conta con prólogo do Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e os inscritos ao Congreso recibirán un exemplar como agasallo. 

Recomendado e dirixido a monitores e adestradores deportivos, profesores de Educación Física, estudantes de carreiras universitarias e ciclos formativos afíns ás Ciencias do Deporte e a Educación Física, técnicos deportivos federativos, xestores deportivos, deportistas e pais e nais de deportistas.

Toda unha novidade editorial que está á venda desde primeiros de mes a un prezo de 31,20 euros. Conta con 416 páxinas distribuídas en 18 capítulos. Escrito por especialistas da iniciación deportiva e do rendemento deportivo no ámbito nacional e internacional. Aborda a metodoloxía e planificación do adestramento deportivo ademáis de investigar en aspectos de coaching, xestión de escolas deportivas, organización de eventos deportivos, coñecemento da regulación profesional do sector, aspectos básicos dos primeiros auxilios, as bases da relación cos medios de comunicación, o ámbito da psicoloxía deportiva en deportistas, pais de nenos deportistas e adestradores.

Máis información sobre o libro.

miércoles, 21 de abril de 2010

O próximo sábado todos vamos ás pistas da USC

Aprezados socios e socias, 

O sábado pasado, algúns dos nosos atletas tiveron a oportunidade de probar por primeira vez as pistas dun estadio. Esta experiencia foi moi positiva e queremos repetila canto antes. 

Xoán Paulo, o noso adestrador e director deportivo, proponlles a todos os nenos e nenas das categorías benxamín, infantil e alevín participar nas probas combinadas que terán lugar o próximo sábado, 24 de abril, nas pistas de atletismo da Universidade de Santiago. 

Trátase de tres probas (máis asequibles cá última): velocidade, salto de lonxitude e lanzamento de peso. Antes de comezar, haberá un adestramento específico. 

Achégovos anexa a táboa cos horarios das probas. Todos os nenos e nenas serán inscritos automaticamente polo club. 

Os prebenxamíns e todos aqueles que non desexen participar, quedan convocados para adestrar no horario habitual, 13 h, nas mesmas pistas de atletismo, para que tamén aproveiten esta oportunidade. Se desexan animar os compañeiros, poden vir antes e presenzar as probas nas que participamos a partir das 11.00 h. 

Un saúdo, 
A xunta directiva

domingo, 18 de abril de 2010

Iª competición en pista de MillaRaio nos XOGADE


Estes son os campións e campionas de MillaRaio que participaron por primeira vez nunha competición en pista, nas categorías benxamín, alevín e infantil. O pasado sábado correron os 1.000 m. lisos da fase comarcal Deporte Escolar en pista, enmarcados nos XOGADE, que se celebrou nas pistas de atletismo da USC. 

De esquerda a dereita e de arriba a abaixo: Jacobo Nogueira Colmeiro, Alba López Portabales, Cristina Sánchez Pardo, Natalia Sánchez Pardo, Iago Fuentes García, Hugo Rodríguez Abel, Xela Cascallar Mayo, Adrián Vispalia Moreno, Jaime Ferro Vilas e Sara Vispalia Moreno.

Por outra banda Juan Pablo Fernández proclamouse, ese mesmo día no campionato de clubes galegos en Lugo, campión absoluto galego en 3.000 m. obstáculos cun tempo de 9:31.61.

PARABÉNS A TODOS

Máis información dos XOGADE na web oficial.

sábado, 17 de abril de 2010

Susana Mayo Redondo nova secretaria de MillaRaio


A socia Susana Mayo Redondo é a nova secretaria do Club. Susana exerceu, con gran profesionalidade, o cargo de secretaria dende o nacemento de MillaRaio, en decembro de 2008, ata setembro de 2009.

O nombramento de Susana contribúe a dar continuidade e estabilidade ao proxecto deportivo, educativo e lúdico que representa MillaRaio. A Directiva actual considera necesaria esta estabilidade para asegurar que o Club se afiance e medre nestes primeiros anos de funcionamento.

Na Xunta Directiva sempre hai espazo para os/as voluntarios/as que desexen aportar a súa valía. A filosofía de traballo é de servizo ao Club en equipo e con humildade, con independencia do cargo que cada un ocupe nun intre dado. MillaRaio naceu como un proxecto dos pais e nais que o formamos e todos temos a posibilidade de contribuír co noso traballo e ideas a mellorar cada día este Club. 

jueves, 15 de abril de 2010

MillaRaio competirá o sábado nas pistas de atletismo da USC

Os atletas de MillaRaio das categorías Benxamín (2001-2002), Alevín (1999-2000) e Infantil (1997-1998) adestrarán, por primeira vez, nas pistas de atletismo da Universidade o próximo sábado, a partir das 16.30 h. 

Posteriormente, nas mesmas pistas, participarán na competición de 1.000 m. O adestrador xa inscribiu a todos/as atletas para esta competición. O horario podedes descargalo neste enlace

Os/as atletas das categorías prebenxamíns e inferiores (2003 a 2010) adestrarán na hora e sitio de sempre. Debido á participación de Juan Pablo no Campionato Galego Absoluto de Clubes, que se celebra este sábado en Lugo, os nenos/as contarán cun sustituto para a súa hora de adestramento. 

Os máis pequenos, nesta ocasión, non poderán adestrar e competir nas pistas da USC pero, todos/as podemos acompañar aos maiores e animalos moito. 

O primeiro adestramento e a competición nas pistas de atletismo da USC é un acontecemento moi importante para o club e para os nosos nenos/as. Agardamos que a experiencia sexa moi positiva para todos/as.

miércoles, 14 de abril de 2010

O adestrador desaconsella a carreira de Fisterra polas distancias

Juan Pablo Fernández, adestrador e director deportivo de MillaRaio, fixo chegar un comentario ao blog desaconsellando a participación dos nenos/as na carreira de Fisterra, por considerar excesiva a distancia do percorrido (5 km) para os alevíns.

Textualmente di: Esta carrera no es recomendable a los alevines por tener una distancia totalmente desaconsejable para la edad de los niños.

martes, 13 de abril de 2010

Carreiras en San Miguel de Oia e Fisterra

XXXIII TROFEO CAMPO A TRAVÉS DA SOCIEDADE DEPORTIVA ATLETISMO SAN MIGUEL DE OIA  
Celebrarase o domingo 18 de abril no Parque Forestal de San Miguel de Oia (Vigo). 
Categorías, percorrido e horario 
Benxamín/ M-F/ 2001-2002/ 990 m/ 10.00 h 
Alevín/ M-F/ 1999-2000/ 1.518 m/ 10.10 h 
Infantil/ M/ 1997-1998/ 2.260 m/ 10.20 h 
Infantil/ F/ 1997-1998/ 1.830 m/ 10.30 h 
Cadete/ M/ 1995-1996/ 3.215 m/ 10.45 h 
Cadete/ F/ 1995-1996/ 1.945 m/ 11.00 h 
Prebenxamín/ F/ 2003-2004/ 675 m/ 12.40 h 
Prebenxamín/ M/ 2003-2004/ 675 m/ 12.45 h 
Nas categorías inferiores (ata cadetes) recibirán trofeo os 4 primeiros de cada categoría e sexo e medalla o resto de participantes. 
Inscrición ata o venres 16 de abril ás 20:00 h. 
No email sanmigueldeoya@hotmail.com ou no fax da FGA 986 441 216. Deberán constar: nome e apelidos, data de nacemento, nº de licenza e nome do club. Debido á dimisión do secretario de MillaRaio agradecemos aos socios que se inscriban eles mesmos ata que o club conte cun novo secretario. Grazas a todos/as pola vosa comprensión e desculpade as molestias.

IV CARREIRA PEDESTRE POPULAR DA COSTA DA MORTE 
Celebrarase o domingo 25 de abril no porto de Fisterra
O prazo de inscrición remata o 21 de abril.
Categoría benxamíns 
Nados entre 2001 e 2003.
Saída do Paseo da Ribeira (Porto de Fisterra) ás 11.35 h. Os participantes deberán colocarse na zona de saída 15 minutos antes do comezo da proba.
O percorrido será de 1 km a través do Malecón do Porto ata a praza de Santa Catalina.
Establécense dúas categorías, unha feminina e outra masculina.
Recibirán un trofeo e un agasallo os primeiros de cada categoría.
Recibirán trofeo os segundos e terceiros clasificados de cada categoría.
O control de chegada pecharase 15 minutos despois de que entre en meta o 1º clasificado.
Os que entren en meta co control aberto recibirán unha medalla e unha camiseta. Será necesario documentar a idade para poder acceder ós premios.
Categorías alevín, infantil e cadete 
Saída ás 11.30 h no Paseo da Ribeira (Porto) e a meta na Explanada do Porto.
Deberán colocarse na zona de saída 15 minutos antes do comezo da proba.
O percorrido será de 5 km.
Establécense 6 categorías:
ALEVÍN FEMININA: nadas en 1999 e 2000.
ALEVÍN MASCULINA: nados en 1999 e 2000.
INFANTIL FEMININA: nadas en 1997 e 1998.
INFANTIL MASCULINA: nados en 1997 e 1998.
CADETE FEMININA: nadas en 1995 e 1996.
CADETE MASCULINA: nados en 1995 e 1996.
Os primeir@s de cada categoría recibirán un trofeo e un agasallo.
Recibirán trofeo os segundos e terceiros clasificados de cada categoría.
A carreira estará controlada por chip, que se entregará xunto cos dorsais o mesmo día da proba dende as 8:00 ata as 10:30 horas na zona de saída.
O control de chegada pecharase 45 minutos despois de que entre en meta o primeiro corredor clasificado. Todos os escolares que entreguen correctamente o chip e que entren en meta co control aberto, recibirán unha medalla e unha camiseta. Será necesario documentar a idade para poder acceder ós premios.
INSCRICIÓNS: aqueles que teñan DNI deberán facelo on line.
Os rapaces/as que non teñan DNI deberán facelo a través do email comercialcostadamorte@elcorreogallego.es
Deberán constar: nome, apelidos, sexo (F=Feminino e M=Masculino), nº DNI con letra, nº de licenza federativa, data de nacemento completa (día, mes e ano), poboación de nacemento e teléfono de contacto.
Teléfono de información: 981 747 718
Máis información

lunes, 12 de abril de 2010

O secretario de MillaRaio presenta a súa dimisión voluntaria


Xosé Luis Ramos, secretario de MillaRaio, presentou hoxe a súa dimisión voluntaria ao presidente do club. Agradecerlle no nome da Directiva de MillaRaio, e no meu propio, a gran labor desenvolvida ao longo desta tempada na que exerceu o seu cargo. Destacar a súa capacidade de traballo e a implicación persoal e ilusión que sempre demostrou polo proxecto deportivo que representa MillaRaio. Sen esquecer o papel imprescindible que xogou na preparación da Carreira Solidaria de Axuda a Haití, na que se volcou de xeito especial. Deixamos o enlace para descargar un video da TVG gravado en "Galicia Xuventude Net" no que fala do Club.

Publicamos, a xeito de despedida, o texto que nos fixo chegar hoxe ao blog. 

Boas a todos/as socios/as do club de atletismo MillaRaio: 
Agradecer a todos a oportunidade de traballar ao voso carón, por facer posible que coñecese os meus defectos e as miñas virtudes, permitíndome medrar como persoa. MIL GRAZAS A TODOS. Quero deixar unha cousa ben clara, voume pero levo conmigo un anaco de vós e do club MillaRaio. Desexarvos sorte e forzas para seguir loitando por MillaRaio, para que sexa un club respectado. 
Desculparme polos días que puiden faltar ao respecto, concretamente no adestramento do pasado sábado… pero marcho do club co moita dor e triste por non rematar o proxecto polo que tanto loitei no seu día. Un debe saber ata cando pode seguir como directivo e neste intre, por problemas persoais, isto resúltame imposible.
Por diferentes motivos que agora non veñen a conto, cheguei a pensar si realmente merecía a pena seguir loitando por MillaRaio e sentíndome vacío. Este é o motivo real polo que deixo o meu cargo.
Quero facer chegar á Directiva actual e á vindeira (si cambia) o meu total apoio como socio deste maravilloso club MillaRaio do que no seu día tiven a aportunidade de formar parte como secretario.
Ata sempre compañeiros. Aquí tedes un amigo para o que vos faga falta.
Saúdos.

Juan P. Fernández 7º na XI Vig-Bay


A Media Maratón Gran Bahía Vig-Bay é unha proba de atletismo en ruta que se disputa entre Vigo, Nigrán e Baiona, cun percorrido de 21.097 metros. O 11 de abril celebrouse a XI edición da Vig-Bay.

Juan Pablo Fernández Rodrigues, director deportivo de MillaRaio, acadou o 7º posto na clasificación xeral e o 4º na categoría Senior Masculino. Cun tempo final de 1:12:52 para percorrer os algo máis de 21 km da proba.

Miguel Buela, presidente do Club, tamén participou nesta media maratón e acadou o posto 686 na clasificación xeral e o 137 na categoría Veterano B Masculino. O seu tempo final foi 1:35:45.

Un resultado moi satisfactorio para os dous se temos en conta que este ano participaron máis de 3.000 corredores na proba. Parabéns.

Descoñecemos se outros/as pais e nais de MillaRaio participaron na Vig-Bay. Sabedes que o blog está aberto para que nos enviedes información actualizada e os vosos comentarios.

domingo, 11 de abril de 2010

Clasificacións da carreira de A Merca

Dous atletas de MillaRaio participaron na carreira de A Merca (Ourense) celebrada o pasado 28 de marzo.

Benxamín masculino 
3. Leonardo Giovanni Guazzone Mariño 

Alevín masculino
2. Alessandro Bertussi Lorenzo

Parabéns pola súa participación e o excelente resultado acadado.

viernes, 9 de abril de 2010

Decálogo do bo deportista

1. Un é bo deportista dentro e fóra do campo de xogo. 

2. Para ser un bo deportista fan falta reflexos, axilidade, aguantar o cansazo, adestrarse e non perder o ánimo cando se vai perdendo. 

3. O bo deportista é valente. Fai o que lle parece bo aínda que lle supoña esforzo. 

4. Non se pode xogar si non se respectan as regras do xogo. O bo deportista as respecta e fainas respectar. 

5. O bo deportista non fai trampas nin dentro nin fóra do terreo de xogo. 

6. O bo deportista, cando xoga en equipo, non pretende lucirse pola súa conta. Sabe que quen ten que gañar é o equipo. Axuda e acepta a axuda dos seus compañeiros. 

7. O bo deportista intenta gañar aos demáis, pero sobre todo intenta gañarse a sí mesmo, procurando xogar mañá mellor do que xoga hoxe. 

8. O bo deportista sabe que para xogar ben hai que xogar con intelixencia e que o adestramento é o medio para conseguilo. 

9. O bo deportista está orgulloso de selo. 

10. O bo deportista busca, sobre todo, ser mellor persoa.

Este decálogo do bo deportista está recollido da web oficial do Club del Buen Deportista, creado pola FAD (Fundación a Ayuda contra la Drogadicción) para loitar contra as drogas fomentando a actividade deportiva como fonte de aprendizaxe de valores positivos e fórmulas óptimas de ocupación do tempo libre.

martes, 6 de abril de 2010

Clasificacións da carreira de Quiroga

Pitufo masculino
2 Mario Vilar Veiga

Prebenxamín feminina
2 Lucía Bertussi Lorenzo

Alevín masculino
4 Alessandro Bertussi Lorenzo

Parabéns pola súa participación.

Ames@diario felicítanos pola Carreira de Haití

Continúan a chegar parabéns pola Carreira de Axuda a Haití. Hoxe recibimos a felicitación do director e a editora do diario Ames@Diario, como podedes comprobar pulsando en comentarios recientes.

MillaRaio quere aproveitar a ocasión para dar as grazas a Ames@Diario pola cobertura informativa que fixo da carreira. Adicáronlle ao evento unha dobre páxina con ampla información. El Entorno MetropolitanoTierras e La Voz de Galicia tamén publicaron, no seu día, novas da carreira de Haití. GRAZAS A TODOS.

lunes, 5 de abril de 2010

Clasificacións da carreira de Pascoa en Padrón

Prebenxamín masculino
4 Sunny Seijas Portas
12 Brais Moar Rosero
22 Xoel Moar Segade

Benxamín masculino
2 Leonardo Guazzone

Parabéns a todos os nenos que correron. 
O que fai grande a MillaRaio son os nenos e nenas que o forman. Por eles traballamos.

domingo, 4 de abril de 2010

Charla en Vilagarcía o 9 de abril sobre adestramento infantil

Dra. Madó González, responsable do gabinete de psicoloxía da FGA, impartirá o vindeiro venres 9 de abril unha charla en Vilagarcía, na sala de conferencias do Auditorio, ás 20:00 horas.

"Adestrando aos pais" será o título da charla que ten como principal obxectivo a formación no eido psicolóxico do adestramento dos cativos. A conferencia, froito da Agrupación Deportiva Mazí, é gratuíta e pode asistir quen o desexe, adestradores galegos e pais de deportistas.

Máis información na páxina da FGA.

jueves, 1 de abril de 2010

"Jugando al atletismo", unha guía para competicións alternativas nas categorías dos máis pequenos

Jugando al atletismo é unha guía editada pola Federación Española de Atletismo na que se dan pautas de referencia para realizar competicións alternativas de atletismo nas categorías infantil, alevín, benxamín e idades anteriores. 

Aos nenos gústalles competir, compararse entre eles e afrontar retos. Pero a competición que xeralmente se está a realizar para os nenos en atletismo é unha versión reducida do programa dos maiores, cun indebido enfoque de especialización a unha soa proba. Esta especialización conleva un adestramento inadecuado e unha monotonía que non atrae nin motiva aos pequenos. 

A RFEA cre necesario establecer un novo concepto de atletismo para os nenos no que se enfoque ás súas necesidades. A Guía di que hai que evitar seguir cerrando o programa de probas para os nenos, como tradicionalmente, a unhas distancias, alturas e pesos concretos e inamovibles. Si queremos atender as necesidades dos nenos e nenas en canto a movementos, competición, socialización, retos e aventuras, así como mostrarlles o atletismo como un deporte que lles ofrece diversión, competición, cooperación, etc (co fin de intentar atraer e reter máis practicantes no noso deporte), debemos adaptar o sistema para que sexa moi versátil e darlle cobertura federativa para que se poidan realizar competicións e probas coas características que se indican.

Características das novas competicións e probas alternativas
1. Que podan participar activamente moitos nenos á vez. 
2. Que participen xuntos nenas e nenos, en igual número, a ser posible.
3. Competicións por equipos. 
4. Identificación dos equipos por cores. 
5. Posibilidade de adaptación ás condicións locais: lugar onde realizar a competición, día da semán.
6. Utilización de diferentes lugares de competición: pavillóns cubertos, patios, parques, pistas de atletismo, campos de fútbol, praia, frontóns, centros comerciais e outros espazos.
7. Competicións con regras sinxelas e adecuadas aos nenos, diferentes ás do Regulamento Internacional.
8. Competicións nas que non se poda só facer unha proba senón que haxa que facer varias.
9. Que se podan facer competicións a miúdo, cada semán ou cada dúas semáns.
10. Que os nenos executen variados xestos atléticos básicos de acordo coa súa idade e as súas necesidades de habilidades coordinativas.
11. Que a contribución ao equipo sexa por parte de todos os compoñentes, evitando ensalzar especialmente aos máis fortes ou máis rápidos.
12. As regras e a puntuación das probas serán sinxelas.
13. Que as competicións os acheguen ao atletismo e que a experiencia lles faga consideralo atractivo, motivante e satisfactorio.
14. A participación dos nenos será continua e nos momentos de descanso seguirán participando animando aos outros compoñentes do seu equipo.
15. Que as competicións podan desenvolverse de xeito rápido e áxil e que sexan divertidas.
16. Realización das competicións noutros días da semán que non sexan os fines de semana.
17. Competicións cunha duración máxima de 2 horas aproximadamente.
18. Competicións controladas por un pequeno número de monitores, colaboradores.
19. Utilización de material sinxelo, con moito colorido e que non ofreza perigo, con posibilidade de fabricarse con material asequible ou de fácil elaboración.
20. Dar un papel importante aos premios ou recompensas ao rematar a competición, así como á clasificación por equipos, colexios, clubes, escolas, etc.

A Guía completa Jugando al atletismo en formato PDF.