MillaRaio publica neste blog as clasificacións dos socios e socias do Club nalgunhas das carreiras que participan. As clasificacións publicadas están recollidas da páxina principal ou do foro de correr en Galicia. En ningún caso a dirección de MillaRaio ou quen esto escribe fai un seguimento persoal e individualizado de cada un dos 40 socios ou da súa clasificación particular. Tampouco se publica a clasificación dun único neno ou nena senón dispoñemos dos datos de todos ou da maioría dos participantes, xa que non resultaría equitativo.
Non lle dou ás clasificacións excesiva importancia pero a queixa recente dun pai faime dubidar de si debemos ou non publicalas no blog, razón pola que propoño a enquisa que aparece na columna da dereita. A miña opinión persoal é que non deberían publicarse ou ben facelo de xeito que se lles reste importancia. Cando participamos nunha carreira popular non só facemos que os nenos e nenas practiquen deporte, tamén transmitimos valores e os educamos para o futuro. Pero ¿que valores queremos transmitir?
Ahí van varias preguntas:
¿Importa máis o aspecto lúdico deportivo da carreira ou competir?
¿Engadimos presión nos nenos e nenas coa clasificación das carreiras?
¿Premiamos a clasificación ou o esforzo individual e a superación persoal de cada neno/a?
¿Que logro é maior: correr con 6 anos 500 metros e chegar nos primeiros postos ou correr a mesma distancia con 3 anos e chegar último, pero sen abandonar?
Se eu non corro nin 500 nin 2.000 metros ¿ao meu neno/a suponlle menos esforzo que a mín facelo?
¿Non é mérito suficiente correr, ás veces distancias moi longas para a idade dos nenos/as?
¿Escoitamos a súa opinión? ¿Non volcamos as nosas aspiracións frustradas neles?
¿Reclamamos a clasificación igual se o noso fillo/a chega nos primeiros ou nos últimos postos?
¿Non é igual de importante aprender a perder que a gañar?
Opina, propón novas preguntas e participa na enquisa. Grazas anticipadas pola túa colaboración.
Relacionado con este tema o blog de temática infantil peques y más publicou estes días o post “ser el 1º: la competitividad”.