Texto de Juan Pablo Fernández
Director deportivo de MillaRaio
Director deportivo de MillaRaio
Dando continuidade aos temas que tratamos na charla do 15 de xaneiro, e aproveitando que xera puntos de vistas diferentes e é motivo de discusión presente no ámbito do deporte infantil, falarei da COMPETICIÓN.
A competición existe en todos os ámbitos da vida e saber convivir e interactuar con ela é moi importante para grandes e pequenos. No deporte a competición gana aínda máis protagonismo por ser unha das razóns que leva ao adestramento na busca dunha mellora en determinada proba ou tarefa. Esa competición e busca da mellora pode ser feita de diferentes xeitos, dependendo dos obxectivos e tamén do punto de comparación.
O primeiro nivel de competición é o que enfronta a un consigo mesmo, buscando mellorar a execución dunha tarefa ou obxectivo de xeito individual. Este tipo de competición non ten porque gardar relación cun deporte específico, pode ser o simple reto de ir camiñar tres veces á semana para alguén que non fai actividade física algunha. Outros exemplos serían facer dez flexións de brazos seguidas, correr a carreira pedestre de Santiago enteira sen parar, ou aprender a camiñar coas máns facendo o pino... É unha competición que depende da meta que queira un acadar. Depende dun mesmo, do seu empeño e dedicación, sempre que os obxectivos propostos sexan realistas.
Noutro nivel está a competición en relación aos demais, onde a comparación dun resultado ou execución dunha tarefa se fai en relación aos resultados doutros. Este tipo de competición situa o éxito no feito de superar ou ganar aos demais. É o exemplo claro dos deportes federados, principalmente dos colectivos, onde aínda que un xogador faga o seu mellor partido e sexa o mellor do mundo no seu cometido o equipo pode perder. No atletismo, un deporte individual, esto tamén pode pasar. Quedar 1º, 5º ou 50º depende moito de si compito cos meus veciños, cos colegas do traballo ou no campionato mundial!
O perigo está en orientar o deporte infantil na busca do resultado da competición, para ganar aos demais. Especialmente se o facemos cos máis pequenos. Os nenos/as non están no deporte polo resultado competitivo, senón pola diversión, as amizades e o desafío de aprender cousas novas e superarse a sí mesmos (que segue sendo competición). Rapaces e adultos, cando nos dispoñemos a facer algo, queremos facer o mellor e progresar.
No deporte infantil as expectativas e obxectivos están marcados polos adultos, moitas veces sen ter en conta as características e necesidades dos nenos/as. En ocasións a esixencia, cantidade e frecuencia das competicións van en contra do desenvolvemento físico e psicolóxico adecuado para os nenos/as.
Pais e profesionais do deporte debemos utilizar a competición acertadamente, como un medio máis na motivación e desenvolvemento dos nenos/as. A competición non debe ser o fin específico para o que se preparan.
Rematar deixando claro que non estou en contra da competición en idade escolar. Creo que é necesario competir e que os pequenos/as teñan ganas de mellorar, xa que é unha das contribucións do deporte para a súa vida adulta. Pero os nenos/as non son maiores en versión bolsillo, teñen demandas específicas, e non se valen por si mesmos para decidir o que é mellor para eles. Correspóndenos aos adultos orientalos correctamente na competición. ISO DEPENDE DE NÓS!
No próximo texto farei propostas de actitudes prácticas en relación coas competicións, de cara a que os nenos/as se preparen da mellor forma para seren grandes deportistas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario