En breve publicaremos un artigo resumo cos aspectos máis importantes que se trataron na charla informativa que Juan Pablo Fernández ofreceu o pasado venres a pais, nais e todos os interesados no deporte infantil que asistiron. Neste post, como nai que estivo na charla, vou dar a miña visión particular do asunto.
O principal referente para os nenos/as é a familia, os pais e nais principalmente. A moita distancia están como modelos de referencia os amigos e compañeiros do cole, profesores, adestradores deportivos, medios de comunicación...
Pais e nais debemos acompañar e orientar aos nosos fillos/as en todos os ámbitos da súa vida, tamén no deportivo. Educalos con hábitos de vida saudable, correcta alimentación e a práctica regular de exercicio físico. Isto é de importancia vital nunha sociedade cada vez máis sedentaria, na que un 20% dos nenos teñen sobrepeso.
Como pais e nais preocupámonos en buscar o mellor colexio, a mellor academia de idiomas, lecturas apropiadas e de calidade, actividades extraescolares variadas… Todo o que favoreza o desenvolvemento persoal pleno dos nosos nenos e nenas, que son o máis valioso que temos.
O seu desenvolvemento deportivo forma parte dese desenvolvemento persoal. A nosa responsabilidade de pais e nais no deporte non remata cando o neno/a queda inscrito nun club ou actividade deportiva. Nese intre comenza outra responsabilidade aínda maior, a de velar para que os nosos fillos/as reciban unha educación deportiva de alta calidade.
O currículum de Juan Pablo díxome que era un adestrador con títulos académicos e experiencia. Intuía que o meu fillo estaba en boas máns, desde o venres a intuición pasou a ser confirmación.
1 comentario:
Como nai e socia do club estou totalmente dacordo co contido da charla de Juan Pablo, o deporte é un instrumento máis para educar os nenos.
Pero o peor foi a pouca asistencia a ponencia.
Grazas Juan Pablo e a xunta directiva polo evento.
Un saúdo.
Publicar un comentario