Chegou o día da carreira/andaina solidaria de axuda a Haití. Despois de case dous meses de preparativos todo está listo. O éxito de participación está asegurado xa que hai unha lista provisional de 421 corredores inscritos, sen contar os que participarán na andaina e que se poden apuntar mañá "in situ" no intre de comezar este acto de solidariedade co pobo haitiano.
Segundo MeteoGalicia, como podedes ver no mapa, o tempo acompañará con ceos pouco anubrados ou despexados e temperaturas máximas en lixeiro ascenso que farán que a sensación térmica sexa agradable a partir do mediodía. Dase a ver que os ovos que Antonio López "Tucho" levou a Santa Clara funcionan.
Dar as grazas novamente ao Concello de Ames polo apoio loxístico para a carreira e á Delegación de Santiago da FGA, máis concretamente ao delegado Iván Sanmartín, aos 10 xuíces que mañá traballarán altruístamente e ao secretario Pedro Sánchez del Rio, que onte, ben entrada a noite, continuaba inscribindo aos corredores interesados de última hora.
Grazas tamén a Pedro Nimo que nos apadriña e cede unha prenda para o sorteo de mañá e aos colaboradores e patrocinadores que fan posible o avituallamento dos participantes e o sorteo de agasallos que haberá cando finalice a proba. Só fallou a Xunta de Galicia coa doazón, ata o momento, dun "material deportivo..." que non é tal.
A Directiva de MillaRaio tamén traballou para facer a carreira posible e moitos/as socios/as mañá poñeremos o noso grao de area neste proxecto. En MillaRaio dúas persoas soportaron a maior carga de traballo e fixeron un gran esforzo que é xusto recoñecer, o secretario do club, Xosé Luis Ramos e o director deportivo e adestrador Juan Pablo Fernández.
Despois de tanto traballo mañá temos unha cita ineludible.
HAITÍ AGARDA.
HAITÍ AGARDA.
No hay comentarios:
Publicar un comentario